Volver ao contido

Contido web

ACORDO SOBRE O MANTEMENTO E USO DE EMBARCACIÓNS DEPORTIVAS E DE RECREO NA “FASE-0”.

 

A Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar acti­vidade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, establece no seu artigo 2.2 que “para os efectos do previsto nesta orde, queda permitida a práctica non profesional de calquera deporte individual que non requira contacto con terceiros, así como os paseos. Estas actividades poderanse realizar unha vez ao día e durante as franxas horarias previstas no artigo 5.”

Pola súa banda, o artigo 2.4 engade que “os paseos se realizarán cunha distancia non superior a un quilómetro con respecto ao domicilio. Esta limitación non será aplicable á práctica non profesional de calquera deporte individual, que estará permitida dentro do municipio onde se reside.”

A Orde SND/388/2020, do 3 de maio, pola que se establecen as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos, e a apertura de arquivos, así como a práctica do deporte profesional e federado, establece no seu artigo 9.1 que “os deportistas federados non recollidos no artigo anterior poderán realizar adestramento de xeito individual, en espazos ao aire libre, dúas veces ao día, entre as 6.00 horas e as 10.00 horas e entre as 20.00 horas e as 23.00 horas, dentro dos límites do termo municipal en que teñan a súa residencia. Para iso, se for necesario, poderán acceder libremente aos espazos naturais nos cales deban desenvolver a súa actividade deportiva, como o mar, ríos ou encoros, entre outros.”

Por outra banda, o director xeral da Mariña Mercante, na resposta á petición de acla­ración do secretario xeral da Asociación Nacional de Empresas Náuticas en relación coa consideración da navegación de recreo ou deportiva durante as fases de transición á nova normalidade asinada o 30 de abril de 2020, sinala que “na fase 0 non se poderá navegar por lecer, salvo que se faga deportivamente y de xeito individual (deporte non profesional e federado) como unha actividade física (...) Desde esta fase 0 tamén serán posibles as visitas por parte dos propietarios ás súas embarcacións para as comprobacións de segu­ridade e mantemento sempre que a embarcación se encontre no mesmo termo municipal en que reside o propietario. Só poderá acceder unha persoa á embarcación para realizar estas actividades e respectaranse en todo momento os procedementos e protocolos esta­blecidos polos portos deportivos.”

De conformidade co exposto, acórdase o seguinte:

  • Primeiro. Na fase 0 é posible o acceso ás instalacións portuarias (pantaláns e varadoi­ros) para facer as comprobacións de seguridade e mantemento de embarcacións por parte dos seus propietarios ou de persoas debidamente autorizadas con suxeición ás restricións que en materia de desprazamentos rexan en cada momento e de conformidade coas ins­trucións publicadas por Portos de Galicia.
  • Segundo. Na fase 0 poderanse usar embarcacións para a práctica de actividades de­portivas consonte os requisitos que establecen a Orde SND/380/2020, do 30 de abril, sobre as condicións en que se pode realizar actividade física non profesional ao aire libre durante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e a Orde SND/388/2020, do 3 de maio, pola que se establecen as condicións para a apertura ao público de determinados comercios e servizos, e a apertura de arquivos, así como a práctica do deporte profesional e federado».

 

DOG Núm. 86 Mércores, 6 de maio de 2020 Páx. 19146

Descarga DOGA .pdf