Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

Portos de Galicia impulsa un convenio co Concello de Poio para regular o aparcamento nos peiraos de Combarro, Covelo e Raxó

  • O contido do acordo foi consensuado previamente polo ente público co sector profesional dos tres portos afectados

Porto de CombarroSantiago de Compostela, 17 de agosto de 2020.-  Portos de Galicia, asinará un convenio de colaboración co Concello de Poio para regular o aparcamento nos peiraos de Combarro, Raxó e Covelo combinando as necesidades do sector profesional que opera nos espazos portuarios e as necesidades do conxunto da cidadanía e visitantes do municipio. A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, abordou esta cuestión esta mañá nunha reunión con representantes municipais e técnicos do Concello. 

O convenio, inicialmente previsto para o peirao de Combarro, farase extensivo tamén aos de Covelo e  Raxó e regulará a colaboración entre ambas administracións para auxilio da vixilancia policial e ordenación do tráfico rodado en ambos espazos portuarios. Deste xeito, Portos de Galicia colabora coas necesidades dos veciños de Poio contribuíndo a reactivación turística do municipio nun contexto como o actual. 

Tal como recolle o documento, Portos de Galicia deste xeito facilita temporalmente o uso de parte dos terreos portuarios para este uso público, que será regulado e xestionado co auxilio da Administración local. O contido do acordo foi consensuado previamente polo ente público co sector profesional dos portos de Combarro, Covelo e Raxó co obxectivo de salvagardar en todo momento a seguridade e operatividade da actividade portuaria.