Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA CONSTATA A NECESIDADE DE ACTUACIÓNS DE EMERXENCIA NA LONXA DE CAMARIÑAS TRALOS DANOS CAUSADOS POLO TEMPORAL

  • O ente público comprobou como as condicións meteorolóxicas das últimas horas e dos anteriores temporais de outono empeoraron a situación da lonxa, que xa era coñecida pola Xunta que está a tramitar un proxecto de acondicionamento e mellora das súas instalacións
  • Portos de Galicia avanza na tramitación desta actuación e ao mesmo tempo realizará os traballos de emerxencia necesarios cando as condicións meteorolóxicas o permitan para acondicionar a instalación

Camariñas (A Coruña), 18 de decembro de 2019.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, desprazouse hoxe ao porto de Camariñas para avaliar os danos causados polo temporal nas instalacións portuarias e constatou a necesidade de realizar actuacións de emerxencia na lonxa para normalizar a situación o antes posible e cando as condicións meteorolóxicas o permitan.

Durante a inspección da zona, a representante do ente dependente da Consellería do Mar comprobou como as condicións meteorolóxicas das últimas horas e dos anteriores temporais de outono empeoraron a situación da lonxa, que xa era coñecida pola Xunta. De feito, a Consellería do Mar xa estaba a traballar para solucionala cun proxecto de acondicionamento e melloras das instalacións que se licitará proximamente. Polo tanto, o Executivo galego avanza na tramitación desta actuación e ao mesmo tempo realizará os traballos de emerxencia necesarios cando as condicións meteorolóxicas o permitan para acondicionar a instalación e posibilitar que manteña a súa operatividade.

Durante a inspección da zona, Susana Lenguas comprobou como as condicións meteorolóxicas das últimas horas provocaron que se desprendese parte do teito da lonxa e da confraría de pescadores, o que causou goteiras no seu interior e provocou que se restrinxise a circulación na zona ao supoñer un risco para a seguridade das persoas.

Técnicos de Portos de Galicia están a traballar na zona para analizar a situación e decidir as medidas a adoptar para devolver o antes posible á normalidade as instalacións portuarias co obxectivo de evitar prexuízos para os usuarios do peirao.

Entre as incidencias rexistradas como consecuencia do temporal atópase o levantamento do teito da lonxa de Camariñas, un edificio que conta cun proxecto de acondicionamento e mellora de preto de 300.000 euros de orzamento e que está a tramitar a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar. Trátase dun proxecto de mellora no que a Xunta vén de retomar a súa tramitación e que se licitará proximamente tras recibir recentemente o preceptivo informe do Concello de Camariñas, unha documentación que lle fora requirida pola Consellería do Mar xa no mes de agosto.