Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

A XUNTA ENTREGA A SADAMAR PORTO DEPORTIVO O DIPLOMA QUE O ACREDITA COMO MEMBRO DA REDE GALEGA DE PORTOS SEN FUME.

  • A presidenta de Portos de Galicia anima ao resto de peiraos a sumarse a esta iniciativa para que se convertan en espazos mais saudables e sustentables.
  • O proxecto impulsado pola Consellería de Sanidade en colaboración co ente dependente da Consellería do Mar conta xa con cinco entidades participantes e supón dar continuidade á Rede Galega de Praias sen Fume.

 

Sada (A Coruña), 23 de outubro de 2019.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, participou hoxe no acto de entrega a Sadamar Puerto Deportivo do diploma que acredita que as súas instalacións están integradas xa na Rede Galega de Portos sen Fume, que ten entre os seus obxectivos promocionar unha vida sen tabaco en todos o eidos para reducir o seu consumo na sociedade, reforzar o papel modélico positivo dos pais e nais e promover accións que respecten e coiden o medio ambiente.

A máxima responsable do ente dependente da Consellería do Mar subliñou a importancia deste proxecto, impulsado pola Consellería de Sanidade en colaboración con Portos de Galicia, e animou a outros portos a sumarse a ela. Coa incorporación de Sadamar Puerto Deportivo son xa cinco os portos integrados na rede -na que tamén están o Club Náutico de Portonovo, o Real Club Náutico de Portosín, o Real Club Náutico de Ribadeo e o Monte Real Club de Yates de Baiona- e está previsto que proximamente se sumen máis instalacións portuarias a este proxecto.

Susana Lenguas destacou durante o evento, no que tamén participaron representantes da Consellería de Sanidade, a importancia de estender iniciativas coma esta a toda Galicia co obxectivo de que os portos autonómicos se convertan en espazos máis saudables e sustentables. De feito, entre as accións previstas dentro da Rede Galega de Portos sen Fume inclúense actividades encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco mediante a participación activa dos cidadáns no obxectivo de normalizar o feito de non fumar.

Este proxecto de peiraos sen fume naceu en 2018 trala boa aceptación e valoración que tivo entre a poboación galega unha iniciativa semellante, a Rede Galega de Praias sen Fume, que botou a andar en 2016 coa finalidade de desnormalizar o consumo de tabaco na sociedade ampliando a prohibición de fumar en espazos abertos non incluídos na normativa vixente. Estas accións rexistraron un rápido crecemento ao pasar de 26 praias incluídas na rede en 2016 a 79 en 2018.