Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA COMPROBA O ESTADO DE CONSERVACIÓN DO FIRME NA CONTORNA DO PEIRAO DE SANTO TOMÉ

  • A presidenta do ente autonómico salienta a importancia de manter en boas condicións as infraestruturas portuarias dado que xeran emprego e riqueza na súa zona de influencia

 

Cambados (Pontevedra), 26 de setembro de 2019.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou hoxe o porto de Santo Tomé para comprobar o estado de conservación do firme existente na súa contorna e as melloras realizadas nas áreas deterioradas. A máxima responsable do ente dependente da Consellería do Mar estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e durante a súa estadía verificou o resultado das últimas actuacións na zona, entre as que se inclúe a reconstrución de máis de 420 metros cadrados de firme adoquinado que estaba afundido no dique do porto.

A presidenta do ente autonómico explicou que estes traballos se enmarcan na planificación de labores de mantemento, ordenación e conservación de infraestruturas realizada por Portos de Galicia nos peiraos da súa competencia. Trátase de investimentos menores, habituais e repartidos polas distintas instalacións portuarias co obxectivo de mellorar as condicións de seguridade e facilitar o traballo dos usuarios así como manter eses activos en bo estado de conservación. Unhas actuacións, subliñou Susana Lenguas, que contribúen a mellorar os resultados dos portos e a que xeran riqueza e emprego na súa contorna.

A mellora da zona adoquinada do porto de Santo Tomé consistiu na retirada de 420 metros de adoquín, a construción dunha lousa de formigón armado e a reinstalación dos adoquíns unha vez limpos. Unha acción que, destacou Susana Lenguas, mellora as condicións de uso desta plataforma portuaria e contribúe ademais á protección do medio ambiente ao empregar nos traballos boa parte do material preexistente.

Esta actuación de mantemento engádese a outras realizadas nos últimos meses por Portos de Galicia como distintas reparacións nos paseos de Mugardos ou Muxía, a substitución da pasarela de acceso aos pantaláns de Foz, o acondicionamento de diversos edificios en Burela ou a mellora da sinalización viaria en Cangas.