Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

O PEIRAO DE VILAXOÁN CONTA CON DÚAS NOVAS LIÑAS DE PANTALÁNS CON 19 PRAZAS PARA EMBARCACIÓNS DE ACUICULTURA

  • Portos de Galicia investiu nestas obras preto de 720.000 euros co obxectivo de facilitar o traballo do sector e as operacións no peirao
  • Esta infraestrutura dá resposta ás necesidades do total da frota actual e habilita prazas de reserva de cara ao futuro
  • Tamén está a traballar na tramitación do proxecto de dragaxe da canle de acceso aos pantaláns

Visita pantaláns de VilaxoánVilagarcía de Arousa (Pontevedra), 27 de agosto de 2019.- A presidenta de Portos de Galicia xunto coa conselleira do Mar, Rosa Quintana, comprobaron hoxe en Vilaxoán o resultado das obras de mellora das zonas de atraque do peirao, que supuxeron a habilitación de dúas novas liñas de pantaláns con 19 prazas para embarcacións de acuicultura. Os traballos realizados, que contaron cun investimento de preto de 720.000 euros, permiten dotar o porto de espazo de amarre para 19 barcos de entre 16 e 22 metros, o que supón dar resposta ás necesidades do total da frota actual e habilitar prazas de reserva de cara ao futuro.

A posta a disposición do sector acuícola destas novas liñas de pantaláns facilita as operacións dentro do peirao e tamén contribúe a mellorar a súa seguridade.  

Nesta visita salientouse que, trala finalización da obra dos pantaláns, o seguinte obxectivo é proceder coa dragaxe da canle de acceso ao peirao, un proxecto que se está a tramitar e que suporá tanto dragar a superficie comprendida entre a rampla de varada e a liña exterior do pantalán como eliminar un afloramento rochoso cun volume de 372 metros cúbicos existente na zona.

Descargas en lonxa
Cabe mencionar que a actividade pesqueira no porto de Vilaxoán acumula tres anos seguidos de crecemento, o que lle permitiu pechar 2018 coa comercialización de máis de 87 toneladas de produtos do mar. Esas vendas deixaron os maiores ingresos do centro de poxas na última década, cunha facturación próxima ao millón de euros.