Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA AVALÍA A REPERCUSIÓN ECONÓMICA E SOCIAL DO NEGOCIO NÁUTICO PARA AS VILAS MARIÑEIRAS

  • O presidente do ente público presidiu a primeira das tres mesas de traballo que o ente público celebra esta semana para aportar directrices de cara a ampliación do Plan Estratéxico da Náutica Recreativa ata 2028
  • A segunda mesa de traballo será mañá a partir das 10:00 horas na sede de Portos de Galicia na Coruña e a ela asistirá o director de Portos de Galicia, Ignacio Villar

Santiago, 27 de xuño de 2018.- O negocio náutico que se desenvolve nos portos deportivos galegos supón unha inxección económica de relevancia fundamental para o conxunto das vilas mariñeiras que os acollen. Así quedou de manifesto esta mañá na primeira mesa de traballo organizada por Portos de Galicia para aportar coñecemento técnico e establecer as directrices que rexerán a ampliación do actual Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 ao horizonte 2020-2028.

O presidente do ente público, José Juan Durán, presidiu a apertura da mesa celebrada na sede do organismo en Santiago e na que participaron técnicos de diferentes comunidades autónomas e sectores náuticos para aportar a súa visión sobre o negocio náutico e a explotación portuaria. Nela tamén estivo presente Gabriel de Sandoval, presidente da Federación Española de Portos deportivos e turísticos e ex director do porto deportivo de Barcelona, especializado no tránsito de megaiates.

Nesta mesa avaliáronse os distintos modelos de explotación e xestión das instalacións náuticas galegas esgrimindo as súas potencialidades e as posibles novas vías de negocio, sempre co obxectivo de que os portos deportivos actúen como motor de riqueza non só directa para as entidades que os xestionen, senón para o conxunto da poboación das vilas mariñeiras.

Neste sentido, avaliáronse experiencias que xa están a ter un beneficio visible para os seus municipios, como é o caso das instalacións náutico recreativas de Sanxenxo ou Baiona. Neste último caso, lembrouse que a poboación flotante da vila durante os meses estivais chega a ascender ata nuns 2.000 veciños máis grazas á chegada de navegantes estranxeiros e coa conseguinte repercusión no sector turístico xeral, hostaleiro e servizos.

A segunda mesa de traballo para a ampliación do Plan Estratéxico da Náutica Recreativa ao horizonte 2020-2028 celebrarase mañá na Coruña. Será na sede de Portos de Galicia (Avenida do Porto, número 5, 1º) a partir das 10:00 horas e a ela asistirá o director de Portos de Galicia, Ignacio Villar.