Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

O MOVEMENTO DE MERCADORÍAS NOS PEIRAOS AUTONÓMICOS SUBIU UN 13% NO PRIMEIRO CUADRIMESTRE DO ANO

  • O informe de xestión de Portos de Galicia correspondente a abril recolle un movemento de 622.000 toneladas nos catro primeiros meses
  • Os peiraos de Cariño, Ribadeo e Cee foron os que moveron máis mercadorías
  • A Pobra do Caramiñal rexistrou un incremento do 30% na descarga de túnidos e sal

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 7 de xuño de 2018.- O tráfico portuario de mercadorías nos peiraos de titularidade autonómica rexistrou un incremento interanual do 13% ao peche do primeiro cuadrimestre do ano. Segundo o último informe de xestión de Portos de Galicia, correspondente ao mes de abril, o movemento de mercadorías acumulado nos catro primeiros meses de 2018 situouse en 622.000 toneladas, fronte ás 550.000 do pasado ano.

O presidente de Portos de Galicia deu conta destes datos esta mañá nunha visita ao porto da Pobra do Caramiñal, un dos que experimentou unha maior suba porcentual de actividade neste inicio de ano. Nunha análise porto a porto, os peiraos que lideran esta actividade no acumulado do exercicio actual son os de Cariño, con 227.000 toneladas acumuladas nos catro primeiros meses de ano; Ribadeo, con 167.000 toneladas; e Brens-Cee, con 114.000 toneladas.

Cómpre destacar o incremento de actividade do peirao de Cariño, que rexistrou unha suba do 39% respecto ao acumulado no mesmo período de 2017. Este é o incremento porcentual máis destacado, seguido da Pobra do Caramiñal, que subiu un 30%, e Viveiro-Celeiro, cunha suba do 20%. En concreto, no caso da Pobra do Caramiñal pasouse de 28.000 toneladas nos primeiros catro meses de 2017 a 36.000 toneladas neste primeiro cuadrimestre do ano. A mercadoría fundamental descargada foron os túnidos, con 28.000 toneladas, e o resto foi sal.

A lonxa de Ribeira, líder en peixe fresco
En canto á pesca fresca, ata abril deste ano, descargáronse nos peiraos autonómicos 31.000 toneladas de peixe. A instalación que máis peixe fresco descargou ao peche do terceiro trimestre foi a lonxa de Ribeira, con 8.700 toneladas, seguida de Burela, con 8.520 e Celeiro, con 5.780 toneladas.