Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA INVISTE UN MILLÓN DE EUROS NA MELLORA DO ABRIGO E NA AMPLIACIÓN DE PANTALÁNS EN FISTERRA

  • O presidente de Portos de Galicia respondeu na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento a unha pregunta sobre a obras executadas polo ente público.
  • Destacou que dende a chegada deste Goberno á Xunta, o ente público ten investido máis de 33 millóns de euros na comarca da Costa da Morte

Santiago, 27 de abril de 2018.- “Portos de Galicia vén de investir un millón de euros en dar resposta a unha demanda histórica do sector portuario de Fisterra”. O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, destacou deste xeito o esforzo inversor realizado polo ente público no municipio fisterrán. Fíxoo esta mañá en resposta a unha pregunta formulada na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en relación aos traballos que Portos de Galicia vén de rematar no peirao de Fisterra e que consistiron na dotación de abrigo ao porto e na ampliación dos pantaláns para o sector profesional pesqueiro.  

O presidente de Portos explicou que as obras consistiron na “construción e instalación dun dique flotante de 100 metros de lonxitude e 5 metros de ancho”. O dique está formado por 5 módulos de 20x5 metros e ancorado por medio de pilotes de aceiro e tamén se inclúe unha ampliación dos pantaláns de atraque de embarcacións menores para conseguir 75 novas prazas, explicou. 

Os traballos atópanse xa rematados e operativos e con eles, asegurou Durán, “vimos de mellorar as condicións de amarre das embarcacións con base en Fisterra e de habilitar o atraque en pantalán para o total da frota existente neste porto que, ata o momento, estaba fondeada na zona exterior dos pantaláns”. 

Finalmente, o responsable da administración portuaria lembrou que “con este investimento, de novo estamos a outorgar á Costa da Morte a relevancia portuaria que merece e que dende Portos de Galicia vimos ratificando na planificación dos investimentos dende o ano 2009. Non en van, dende a chegada deste Goberno á Xunta, Portos de Galicia ten investido na comarca da Costa da Morte máis de 33 millóns de euros”, finalizou.