Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

O SISTEMA PORTUARIO GALEGO APOSTA POLAS CERTIFICACIÓNS DE CALIDADE COMO POSICIONAMENTO NO MERCADO NÁUTICO

  • Portos de Galicia impulsa a obtención de distintivos diferenciados para atraer navegantes nacionais e internacionais
  • Os portos autonómicos ostentan actualmente 5 galardóns especializados, que son Bandeira Azul, Q de Calidade, ISO 14001, EMAS e Gold Anchor
  • Galicia é líder en España en Q de Calidade para os portos e nas Gold Anchor e terceira en Bandeiras Azuis

Santiago, 26 de abril de 2018.- Os xestores de instalacións náutico recreativas e portos deportivos de Galicia apostan polas certificacións de calidade como posicionamento propio no mercado náutico. Así o trasladou o presidente de Portos de Galicia, o organismo que coordina o conxunto destas instalacións, José Juan Durán, nunha rolda de prensa celebrada esta mañá na sede do organismo en Santiago.

Durán Hermida deu conta das últimas accións desenvolvidas polo organismo portuario para potenciar o sector náutico recreativo, en concreto a ampliación do actual Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 ao horizonte 2020-2028. Nesta ampliación da folla de ruta para o sector recóllese como liña de traballo estratéxica a obtención de distintivos de calidade que fagan os portos galegos máis atractivos e adaptados ás necesidades dos navegantes nacionais e internacionais.

A este respecto subliñou a repercusión que xa está a ter esta aposta polas certificacións de calidade que a Administración e os xestores portuarios veñen mantendo nos últimos anos. Así, a día de hoxe, o sistema portuario galego, integrado por unha trintena de portos deportivos e marinas, conta cun total de 42 galardóns, pertencentes a cinco certificacións de calidade, que son: 18 Bandeiras Azuis, 14 Q de Calidade, cinco ISO 14001, tres EMAS e dous Gold Anchor (unha xa outorgada ao club náutico de Combarro e outra da que se fará entrega nas vindeiras semanas, ao Monte Real Club de Iates de Baiona).

Neste sentido, destacou o feito de que a comunidade galega é líder estatal en distintivos Q de Calidade para portos, con 14 dos 22 que existen en toda España. Así mesmo, a nosa comunidade é pioneira e líder nos distintivos Gold Anchor (con dous dos tres que existen en toda España) e terceira en España en número de Bandeiras Azuis, por detrás de Cataluña e as illas Baleares.