Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA DESTINA MÁIS DUN MILLÓN DE EUROS Á REPARACIÓN DOS GASTOS DOS TEMPORAIS ‘EVI’ E ‘FÉLIX’

  • O presidente do ente público compareceu a petición propia ante a Comisión 8ª do Parlamento de Galicia para explicar as accións desenvolvidas polo organismo para repoñer a operatividade e seguridade dos portos

Santiago, 16 de marzo de 2018.- A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, leva investido máis dun millón de euros na reparación dos temporais que afectaron á nosa comunidade no que vai de ano, en concreto as borrascas Evi, do mes de xaneiro, e Félix, a pasada fin de semana. Así o comunicou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha comparecencia a petición propia ante a Comisión 8ª do Parlamento de Galicia para dar conta dos desperfectos rexistrados nos portos de titularidade autonómica a causa destes fenómenos meteorolóxicos adversos.

En canto ao temporal Evi, o primeiro en afectar de xeito intenso a Galicia este inverno, Durán Hermida explicou que deixou incidencias en 11 portos autonómicos das provincias de Lugo e Pontevedra, que son: Rinlo, Foz, Burela, Celeiro, Barallobre, Suevos, Malpica, Corme, Arou, Muros e Cariño. Neste último producíronse os danos máis importantes ao derrubarse unha zona de máis de 20 metros do dique de abrigo. Así mesmo, desprazáronse boa parte dos bloques que integran a coieira deixando exposto o espigón. Ademais producíronse danos no pavimento e elementos metálicos e quedaron inutilizadas varias defensas de rosario.

O presidente de Portos de Galicia explicou que estes danos supuxeron reparacións por importe de 970.000 euros, do cal a maior parte corresponde ás obras de Cariño, orzamentadas en 900.000 euros. Todas as reparacións atópanse xa executadas, a excepción da de Cariño, dada a súa envergadura. Estes traballos, que foron tramitados polo procedemento de emerxencia para poder comezalos xa no mes de febreiro, están en fase de execución e a súa finalización está prevista para o mes de xullo.

Aos danos do Evi, sumáronse a semana pasada os desperfectos ocasionados pola borrasca Félix. Esta deixou incidencias nun total de 24 portos. Na Zona Norte, costa cantábrica, víronse afectados os peiraos de Ribadeo, Rinlo, Foz, Burela, Celeiro, O Vicedo e Cariño. Na Zona Centro, provincia da Coruña, Laxe, Camariñas, Corcubión, Portosín, Aguiño, Cabo de Cruz e Rianxo. Finalmente, a Zona Sur, a provincia de Pontevedra, foi a máis afectada, con danos en Tragove, O Xufre, O Grove, Pedras Negras, Portonovo, Campelo, Bueu, Cangas, Santa Cristina de Cobres e A Guarda.

Durán Hermida explicou que ata o momento os danos  inventariados son de envergadura menor, aínda que insistiu en que se trata dunha valoración provisional dadas as condicións meteorolóxicas adversas desta semana, que non permitiron inspeccións en profundidade. Ata o momento e con carácter provisional, estes danos sumarían un importe de 55.000 euros.