Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA INVISTE UN MILLÓN DE EUROS NA MELLORA DO ABRIGO E NA AMPLIACIÓN DO PORTO DE FISTERRA

  • A actuación inclúe a instalación dun dique de abrigo aboiante de formigón de 96 metros de lonxitude e a dotación de 75 novas prazas que darán cabida ao total da frota

Fisterra (A Coruña), 30 de agosto de 2017.-  A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, está a investir un millón de euros na mellora do abrigo e ampliación do peirao de Fisterra. Así se indicou esta mañá na visita que o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán e a titular da Conselleira, Rosa Quintana, fixeron ás obras. 

Con esta actuación dase resposta a unha necesidade trasladada de xeito recorrente polo sector profesional da zona e mellora a seguridade e operatividade do porto fisterrán. Para iso, as obras en execución inclúen a instalación dun dique de abrigo aboiante de formigón e a ampliación dos pantaláns existentes para crear 75 novas prazas de amarre para embarcacións menores, ata chegar a 182. 

Segundo indicou a conselleira, “con esta actuación mellóranse as condicións de amarre das embarcacións con base en Fisterra e habilítase o atraque en pantalán para o total da frota existente neste porto que, ata o momento, esta fondeada na zona exterior dos pantaláns”.

O dique aboiante estará construído en formigón armado e terá 96 metros de lonxitude por 5 de ancho. Ao longo del instalaranse dúas torretas de servizos de auga e luz e unha de emerxencia. O acceso ata o dique realizarase a través dunha pasarela articulada entre o peirao e a instalación aboiante. 

En canto á ampliación dos pantaláns, nas novas prazas instalaranse fingers de aluminio para facilitar o atraque e incluirán tamén unha mellora das instalacións de auga e luz a través de novas torretas de servizo. Ademais, en todas as liñas de pantalán haberá tamén unha de emerxencia. O prazo de execución das obras, iniciadas a principios do verán, é de 6 meses polo que se prevé que queden rematadas ao inicio do vindeiro ano.