Volver ao contido

Publicador de contidos

Volver á páxina Índice
Atrás

A CONSELLERÍA DO MAR DESEÑA UNHA ESTRATEXIA CONXUNTA DE PROMOCIÓN DA NÁUTICA DE RECREO PARA TODOS OS PORTOS GALEGOS

A titular de Mar, Rosa Quintana, presidiu a reunión de coordinación das autoridades portuarias, celebrada na Coruña.

  • Rosa Quintana confirmou que a Xunta está  a traballar na captación de novos clientes náuticos procedentes de diferentes puntos de Europa para o conxunto das instalacións náutico recreativas galegas
  • Explicou que a estratexia pasa por duplicar a presenza da representación náutica galega en eventos promocionais de carácter internacional ao longo deste ano
  • Esta actuación enmárcase no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que Portos de Galicia está a executar

A Coruña, 26 de maio de 2017.- A Consellería do Mar está a traballar na captación de novos clientes náuticos procedentes de diferentes puntos de Europa para o conxunto das instalacións náutico recreativas galegas, tanto dependentes da Xunta coma do Estado. Así o ratificou a titular do departamento autonómico, Rosa Quintana, na reunión de coordinación das Autoridades Portuarias de Galicia que se celebra periodicamente na sé dos diferentes portos estatais e que esta mañá tivo lugar na Autoridade Portuaria da Coruña, despois dunha visita ao porto exterior de Punta Langosteira.
A titular de Mar explicou que, co obxectivo de incrementar o volume de negocio das dársenas recreativas de Galicia, a Consellería do Mar ten deseñada unha estratexia conxunta de promoción da náutica de recreo en Galicia que pasa por duplicar a presenza da representación náutica galega en eventos promocionais de carácter internacional ao longo deste ano.
Para iso, a Consellería, a través de Portos de Galicia e en coordinación con Turismo de Galicia, encabezará a participación dos xestores náuticos galegos en diferentes salóns e feiras náuticas nos que poderán presentar a oferta de servizos e instalacións náuticas da nosa comunidade.
A titular de Mar sinalou que o reforzo da participación nas principais citas náuticas europeas foi consensuado cos responsables das principais instalacións náutico recreativas galegas, tanto autonómicas como estatais. Foi na última reunión de traballo mantida entre os representantes de Portos e os dunha vintena de entidades náuticas galegas interesadas na súa promoción.
Nesta xuntanza, subliñou Rosa Quintana, os propios xestores náuticos ratificaron a rendibilidade que a presenza nestes eventos está a ter para Galicia nos últimos anos e apoiaron a iniciativa de continuar coa representación galega nestas citas. Así, explicou, ante o alto nivel de aceptación constatado, a Xunta de Galicia liderará a presenza dos xestores náuticos galegos durante o 2017 en 6 eventos de 5 países diferentes: Cork (Irlanda), Lisboa e Porto (Portugal), Southampton (Reino Unido), París e La Rochelle (Francia) e Dusseldorf (Alemaña).
Rosa Quintana sinalou que a Consellería do Mar está a levar a cabo este tipo de accións dentro da súa estratexia de promoción da náutica de recreo, contemplada como un dos eixos básicos de traballo no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020 que Portos de Galicia está a executar. Engadiu ademais que os resultados deste traballo están a arroxar cifras de recepción de embarcacións en tránsito en constante aumento durante os últimos catro anos, pasando de máis de 7.000 en 2013 a máis de 8.200 no exercicio 2016, o que supón un incremento de preto de 1.200 barcos, que porcentualmente significa preto dun 30% máis.