Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA FIXA COMO OBXECTIVO DA NÁUTICA GALEGA A FIDELIZACIÓN DE CLIENTES EUROPEOS

  • O ente público promociona en Fitur a oferta turística dos peiraos autonómicos 

Santiago, 18 de xaneiro de 2017.- Fidelizar os clientes xa captados e afianzar as relacións comerciais incipientes cos mercados europeos é o obxectivo prioritario da estratexia de promoción da náutica recreativa galega para o ano 2018. Así o ratificou esta mañá o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, durante a ponencia conxunta do ente público e Turismo de Galicia no posto que a Xunta de Galicia ten na feira de turismo Fitur, en Madrid. 

Durán Hermida insistiu na necesidade de focalizar a estratexia promocional de Portos de Galicia cara á fidelización dos clientes internacionais dos portos deportivos galegos logo de ter ampliado os nichos de mercado nos últimos anos. Neste sentido reseñou a importancia de que “Galicia se afiance como unha escala fixa nas rutas de navegación dos viaxeiros europeos cara ao sur”. 

Con este obxectivo así como para profundizar nas relacións comerciais establecidas en anos anteriores, Portos de Galicia participará de novo este ano, conxuntamente con Turismo de Galicia, nos principais eventos sectoriais en diversos países europeos como Reino Unido, Irlanda, Francia, Alemaña e Portugal. Durante a súa intervención en Fitur, Durán anunciou que para este fin, Portos e Turismo asinarán un acordo de colaboración que recolla o esforzo conxunto de ambas entidades públicas para a promoción da oferta náutica galega. 

Ademais, o presidente de Portos, lembrou que a actividade promocional da náutica durante este ano estará enmarcada nos proxectos europeos dos que Galicia forma parte e nomeadamente o proxecto Ecodestin. Neste marco destacou a importancia de dar continuidade a accións xa iniciadas durante o ano pasado como o programa Cruceiros Costeiros, posto en marcha con Turismo de Galicia para establecer rutas de navegación para pasaxeiros polo interior das rías galegas. 

Finalmente, Durán Hermida lembrou que Portos de Galicia continuará a traballar de xeito coordinado cos operadores náuticos galegos consensuando con eles, como se ten feito ata o momento, a estratexia de promoción da náutica recreativa na nosa comunidade.