Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA DESTINOU 1,8 MILLÓNS DE EUROS Á MELLORAS FOCALIZADAS NOS PEIRAOS COMERCIAIS NO QUE VAI DE LEXISLATURA

  • Esta entidade desenvolve actuacións específicas nestas dársenas co obxectivo de captar novos tráficos e consolidar os actuais, que se incrementaron nun 6% dende o peche do exercicio 2015

Santiago, 22 de marzo de 2018.- Portos de Galicia, destina 1,8 millóns de euros ás obras de melloras focalizadas nos peiraos comerciais de titularidade autonómica. Así o comunicou o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha rolda de prensa celebrada esta mañá en Santiago, para facer balance desta materia no que vai de lexislatura.
Durán Hermida explicou que os oito portos comerciais dependentes da Xunta de Galicia –Ribadeo, Burela, Celeiro-Viveiro, Cariño, Laxe, Brens-Cee, Ribeira e Pobra do Caramiñal- posúen unha relevancia fundamental no sistema portuario autonómico dado o volume de tráfico de mercadorías que se manexa neles. Así mesmo, polo seu carácter comercial, están suxeitos a unha normativa de seguridade específica de carácter internacional, o código PBIP. Por ambos motivos, dende Portos de Galicia mantense unha liña de investimento específico para estas dársenas, co dobre obxectivo de captar novos tráficos, consolidar os actuais e manter permanentemente actualizadas as medidas marcadas pola normativa internacional neste sentido.

Por zonas administrativas, nos anos 2016, 2017 e 2018 Portos de Galicia destinou a actuacións centradas nos peiraos comerciais da Zona Norte, na Costa Cantábrica, un millón de euros. Deste importe, 350.000 euros destináronse a reparacións e obras menores, como as pavimentacións de Ribadeo, a dotación de defensas en Cariño ou as melloras eléctricas en Burela. Así mesmo, destináronse 240.000 euros á primeira fase da mellora de defensas e medios de amarre en Celeiro-Viveiro e están comprometidos 400.000 para a segunda fase desta mesma obra no exercicio actual.

En canto á Zona Centro, na provincia da Coruña, Portos destina ás actuacións dos catro peiraos comerciais 800.000 euros nesta lexislatura. Deles, 110.000 euros centráronse en reparacións e obras menores como as pavimentacións en Brens, melloras nas naves de estibadores da Pobra do Caramiñal e Ribeira e diversas melloras eléctricas. Ademais están comprometidos para esta anualidade 700.000 euros para a dragaxe do porto de Laxe e o peche do peirao comercial da Pobra do Caramiñal, en cumprimento da normativa PBIP.

Finalmente, Durán Hermida subliñou que a estratexia de focalización do investimento sobre os portos comerciais está a dar resultados co incremento permanente dos tráficos de mercadorías que se desenvolven nestas dársenas. Así, dende o peche de 2015 ata o de 2017 rexistrouse un incremento do 6% no volume destes tráficos.