Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA ANALIZA CO SECTOR PROXECTOS DE FUTURO PARA IMPULSAR A ACTIVIDADE NÁUTICA NA COMUNIDADE

Santiago, 22 de febreiro de 2020.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo esta semana unha xuntanza con representantes de distintos portos deportivos e clubs náuticos de Galicia co obxectivo de coñecer as perspectivas de negocio do sector para este exercicio. Nese encontro coa responsable do ente dependente da Consellería do Mar tamén se abordaron posibles proxectos de futuro coa finalidade de impulsar a actividade náutica na comunidade.

A xornada celebrada cos representantes do sector serviu para facer unha análise desta actividade en Galicia e para abordar a posibilidade de impulsar a mobilidade entre os portos deportivos galegos ao tempo que se fomenta a afección ao mar entre a cidadanía. A presidenta de Portos de Galicia tamén expuxo a necesidade de favorecer a chegada de barcos procedentes doutros portos europeos e promover Galicia como porto único así como unha ruta náutica Xacobea. Tamén analizaron a posibilidade de impulsar o uso para tránsito de prazas base que nun determinado momento non estean ocupadas.