Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

OS PEIRAOS DE TITULARIDADE AUTONÓMICA RECIBIRON 8.700 BARCOS EN TRÁNSITO DURANTE O ANO 2017

  • O porto deportivo de Muros rexistrou o maior número de embarcacións destas características, seguido de Combarro e Baiona

O Grove (Pontevedra), 26 de decembro de 2017.-  Os portos de titularidade autonómica recibiron 8.754 barcos en tránsito durante conxunto do ano 2017, segundo datos facilitados polos propios xestores das instalacións naútico recreativas. Así o destacou esta mañá o presidente do ente público responsable da xestión destas infraestruturas, Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha rolda de prensa na sede do Club Náutico San Vicente, en Pedras Negras, O Grove. 

Durán Hermida explicou que o porto deportivo de Muros rexistrou o maior número de embarcacións destas características de toda Galicia, con 1.031 tránsitos, seguido de Combarro, con 839; e do Porto Deportivo de Baiona, con 639. No ámbito das Rías Baixas, a comarca con maior rexistro de actividade, recibíronse durante 2017 un total de 8.190 tránsitos, un 9% máis que o pasado ano. En concreto, na provincia de Pontevedra, líder nesta actividade, rexistráronse 5.869 tránsitos, un 9% máis que o ano pasado. O municipio con máis número de tránsitos foi Baiona, seguido de Sanxenxo. 

O presidente de Portos lembrou que deste xeito, a comarca das Rías Baixas e a provincia de Pontevedra confirman a consolidación desta actividade portuaria que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que no que vai de verán está a manter os bos resultados. Así mesmo realizou balance económico do volume de negocio xerado por esta actividade. Durán Hermida indicou que en toda Galicia, a cifra de volume de negocio no sector auxiliar da náutica e o sector servizos das vilas portuarias superou os 2,5 millóns de euros, e máis de 1,7 millóns no referido á provincia de Pontevedra. 

Ante as cifras rexistradas, que van en consonancia coas dos últimos anos, Portos de Galicia mostra a súa satisfacción pola constatación da consolidación dunha actividade de importante impacto económico non só no sector portuario e náutico, senón no conxunto das vilas que acollen instalación náutico recreativas. 

Para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional, como a súa presenza recente nos salóns náuticos de La Rochelle e París, en Francia, ou a súa próxima participación en Fitur 2018.