Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

COGAMI REDACTARÁ UN PROXECTO DE MELLORA DA ACCESIBILIDADE PARA OS PEIRAOS DE BUEU, CANGAS E MOAÑA

  • Portos de Galicia vén de contratar a Combina Social, o centro especial de emprego da entidade, para actuar nas dársenas con maior actividade de pasaxe

 

Santiago, 2 de xuño de 2020.-  A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) asumirá a redacción dun proxecto de mellora da accesibilidade para os peiraos de Bueu, Cangas e Moaña, os tres peiraos autonómicos con maior actividade de pasaxe da comunidade. Portos de Galicia, organismo titular das dársenas, vén de asinar un contrato con Combina Social, a o centro especial de emprego de COGAMI, para esta tarefa por importe de 10.000 euros.

O obxecto do contrato pasa pola redacción dun proxecto para a execución de obras de mellora da accesibilidade universal dos espazos urbanos nestes tres peiraos cun horizonte temporal máximo de 5 anos. Para esta fin, Combina Social deseñará unha rede de itinerarios accesibles, de acordo coa normativa vixente, enfocados principalmente ao tránsito de pasaxeiros nestas dársenas. Deste xeito proxectarase actuar principalmente en aparcadoiros, sendas e espazos peonís de acceso libre, así como en elementos de urbanización, cruces, desniveis e mobiliario urbano.

Partindo da análise da situación actual dos tres portos, o proxecto incluirá entre outros aspectos, o inventario de edificios públicos e itinerarios principais de mobilidade portuaria, para elaborar un diagnóstico da actual accesibilidade en todas estas zonas. Sobre esta base, elaboraranse propostas de solución e un plan de acción que incluirá a delimitación das áreas de consideración especial, as áreas de actuación e a orde de prioridade das actuacións.

Portos de Galicia proxecta o desenvolvemento das actuacións que sinale o plan de acción nun cronograma por etapas que permita acadar nos vindeiros anos a accesibilidade que pretende o proxecto. Deste xeito, o ente público dá mostra do seu compromiso social e vontade de eliminación das barreiras arquitectónicas nas superficies portuarias.