Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A NOVA GUÍA NÁUTICA DE GALICIA PROMOCIONA INSTALACIÓNS E SERVIZOS DOS PORTOS DEPORTIVOS DA COMUNIDADE AUTÓNOMA EN CINCO IDIOMAS

  • A presidenta de Portos de Galicia mantivo unha reunión cos representantes das asociacións do sector para avaliar os contidos dispoñibles na plataforma dixital
  • Esta ferramenta recolle datos de 72 instalacións portuarias, das que 42 son portos deportivos que admiten tránsitos e 30 son instalacións menores

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2020.-  A nova guía náutica de Galicia, elaborada por Portos de Galicia, pon a disposición de usuarios do sector e turistas náuticos información promocional e práctica das instalacións e servizos dos portos deportivos da nosa comunidade, tanto de titularidade autonómica como estatal. Toda vez que a plataforma dixital se atopa xa dispoñible na rede, a presidenta do ente público, Susana Lenguas, mantivo esta mañá unha reunión de traballo por videoconferencia cos representantes das asociacións náuticas de Galicia para avaliar os contidos dispoñibles na guía e coordinar a súa difusión.

A publicación dixital á que pode accederse no enderezo www.guianauticadegalicia.com ou a través do enlace dispoñible na páxina web do ente público, está traducida a cinco idiomas: galego, castelán, inglés, francés e alemán, para facilitar a súa difusión no mercado internacional. Esta publicación é unha ferramenta de uso práctico para os navegantes que chegan a Galicia recompilando información útil de todos os peiraos deportivos da comunidade nun formato interactivo e moi gráfico para maior axilidade. Deste xeito, permite ao navegante planificar travesías con facilidade en función da embarcación e a súa necesidade de servizos portuarios. Ademais, a web identifica todas as instalacións menores xestionadas directamente por Portos de Galicia destinadas ao atraque como porto base de embarcacións de recreo.

En total, recolle datos de 72 instalacións portuarias, 42 portos deportivos que admiten tránsitos e 30 instalacións menores. A guía náutica sectoriza o litoral galego en catro costas: Rías Altas, Golfo Ártabro, Costa da Morte e Rías Baixas. Nas Rías Altas recóllense dous portos deportivos; no Golfo Ártabro 11; na Costa da Morte dous e as Rías Baixas, como zona de maior turismo costeiro, presentan 27 peiraos náutico recreativos.

De cada un destes portos a guía recolle cartas náuticas, coordenadas, número de amarres, esloras e calados, servizos dispoñibles, certificacións de calidade e información de contacto, entre outros datos. Ademais, o contido complétase con información turística de cada vila portuaria, comunicacións, transportes e imaxes e reseñas dos principais atractivos de cada costa.

Evolución da actividade
Durante a reunión da presidenta de Portos cos representantes sectoriais, membros das directivas de Asnauga, Northmarinas e Marinas de Galicia, Susana Lenguas interesouse tamén pola evolución da actividade nos peiraos deportivos, as expectativas do sector a curto prazo e as posibles accións para a mellora da operatividade durante a actual fase de reactivación da crise da covid-19. Durante o encontro abordáronse tamén as medidas aprobadas polo ente público e xa en vigor para contribuír coa liquidez dos usuarios e administrados portuarios no actual contexto sanitario e económico.