Volver ao contido

Publicador de contidos

Atrás

A FROTA PESQUEIRA DE PORTO DO SON XA DISPÓN DE DOUS NOVOS PANTALÁNS CON 50 PRAZAS PARA BARCOS DE GRANDES DIMENSIÓNS

  • Portos de Galicia investiu nestas obras preto de 500.000 euros co obxectivo de facilitar o traballo do sector e as operacións no peirao
  • Esta acción complementase co proxecto de acondicionamento do bordo portuario da localidade, que está en fase de licitación e conta cun investimento previsto de case cinco millóns de euros
  • A lonxa de Porto do Son rexistrou un importante aumento das descargas nos últimos anos e en 2018 acadou o mellor dato de facturación da última década

Visita ós pantalás de Porto do SonPorto do Son (A Coruña), 22 de agosto de 2019.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, acopañada pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitaron hoxe o peirao de Porto do Son. Nesta visita comprobaron o resultado das obras de mellora das zonas de atraque, que supuxeron a instalación de dous novos pantaláns con 50 prazas para barcos pesqueiros de grandes dimensións. As actuacións, que contaron cun investimento de preto de 500.000 euros, pretenden ofrecer espazo de amarre a 49 barcos de entre 6 e 16 metros de eslora e unha praza máis para a embarcación de salvamento marítimo. 

A titular de Mar asegurou que a Xunta aposta polo crecemento do sector pesqueiro de Porto do Son e que por iso decidiu acometer este proxecto para a mellora das súas infraestruturas portuarias. A obra dos novos pantaláns facilita as operacións dentro do peirao e permite diferenciar mellor as zonas de atraque dos buques pesqueiros e das embarcacións de recreo.  

Neste sentido durante a visita salientouse a importancia dos outros proxectos a desenvolver nesta localidade como o acondicionamento do bordo portuario. Esta actuación atópase na fase de licitación, conta cun investimento previsto de case cinco millóns de euros e o obxectivo é que poida estar rematada no ano 2021.

De xeito global o obxectivo, tanto en Porto do Son como no resto das instalacións portuarias de titularidade autonómica, é lograr que a relación porto-vila favoreza a xeración de riqueza e emprego. Para elo estase a traballar no impulso da carga e descarga de mercadorías e a actividade náutico-recreativa e deportiva.

Actividade pesqueira
Precisamente, no que se refire aos produtos do mar, o peirao de Porto do Son rexistrou un importante aumento das descargas nos últimos anos, ao pasar de cifras inferiores ás 100 toneladas na maioría dos exercicios ata 2015 a superar as 880 o ano pasado, o segundo mellor dato da última década. No que se refire aos ingresos, os preto de 1,3 millóns facturados en 2018 son a mellor cifra dos últimos dez anos e supoñen culminar unha senda de tres anos seguidos de crecemento.