Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

Portos abrirá un novo procedemento de solicitude de prazas de amarre náuticas por vía telemática

  • Os usuarios que actualmente se atopan en lista de espera terán un prazo exclusivo para presentar de novo a solicitude e obter un posto preferente
  • As solicitudes pendentes de resolver continuarán automaticamente a súa tramitación sen ter que presentarse de novo

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2020.-  Portos de Galicia abrirá proximamente un novo procedemento de outorgamento por vía telemática de prazas de amarre náuticas, tanto das instalacións que xestiona directamente o ente público como daquelas xestionadas a través dunha concesión privada pero nas que o organismo portuario é o encargado de adxudicar os amarres. Deste xeito avánzase na administración electrónica e na simplificación da tramitación administrativa co obxectivo de prestar un servizo máis cómodo e eficiente aos usuarios dos portos autonómicos. 

A resolución aprobada pola presidenta do ente público, Susana Lenguas, entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e poderá ser consultada tamén na páxina web do ente público. Será de aplicación ás instalacións menores, que dispoñen de prazas de pequena eslora –ata oito metros- nas que unicamente se presta o servicio de amarre, e ás instalacións de maior envergadura -portos deportivos- nas que se prestan diversos servizos a través dunha empresa ou entidade concesionaria. 

Coa entrada en vigor desta resolución, as listas de espera que puidesen existir con anterioridade a este decreto quedarán sen efecto e os interesados deberán presentar unha nova solicitude por vía telemática, a través de medios online. Non obstante, abrirase un prazo preferente de 30 días naturais previos á apertura do prazo xeral de solicitude para estes usuarios que estivesen xa en lista de espera e que optarán a un posto preferente.

Polo que respecta ás solicitudes presentadas con anterioridade a esta convocatoria e que se atopen pendentes de adxudicación de praza en portos sen lista de espera, serán resoltas sen necesidade de que o solicitante teña que presentar unha nova solicitude.