Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA IMPULSA A APERTURA DO MERCADO NÁUTICO PROCEDENTE DAS ZONAS DO RHIN E O MAR BÁLTICO

  • O presidente do ente público mantén contactos con entidades alemás e nórdicas organizadoras de rallies e regatas no salón náutico Boot Düsseldorf

Santiago, 22 de xaneiro de 2019.- Portos de Galicia está a traballar para impulsar a apertura do mercado náutico procedente do norte de Europa e concretamente de Alemaña, Noruega, Suecia, Estonia, Letonia, Lituania e Polonia. Para elo, o presidente do ente público, José Juan Durán, está a manter diferentes reunións de traballo con entidades europeas no marco do salón náutico Boot Düsseldorf, que se celebra esta semana na cidade alemá. 

Durán Hermida manterá durante as xornadas de hoxe e mañá diversos encontros con asociacións de navegantes do Rhin e do Mar Báltico que reúnen a decenas de navegantes, fundamentalmente de embarcacións a vela, especializados en modalidades como os rallies náuticos, as regatas ou os intercambios entre diferentes costas. O obxectivo de Portos de Galicia é captar para os peiraos da nosa comunidade estas expedicións. 

O presidente de Portos presentará a todos estes interesados a oferta náutica galega, facendo fincapé na calidade dos servizos e a situación estratéxica de Galicia nas rutas de navegación de norte a sur de Europa. Así mesmo, difundirá diverso material promocional que recolle os servizos, prestacións e taxas dos peiraos deportivos de titularidade autonómica e estatal da comunidade. 

Representación galega

Durán Hermida participa nesta nova edición do Boot Düsseldorf mostrando o apoio institucional ás diversas entidades náuticas galegas que están presentes no salón, como é o caso de Marina Viveiro, Marina Sada, os portos deportivos de Combarro e Baiona ou Marina Coruña. O presidente de Portos asistiu tamén á presentación de Navega o Camiño, unha iniciativa náutica impulsada por North Marinas, colectivo encabezado por varias marinas galegas.