Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA IMPULSARÁ A PRESENZA DOS XESTORES NÁUTICOS NAS FEIRAS DE SOUTHAMPTON, LA ROCHELLE E PARÍS

 

  • O presidente de Portos de Galicia mantivo unha reunión cunha vintena de responsables de infraestruturas náuticas autonómicas para coordinar a súa presenza nos eventos de Reino Unido e Francia

 

O Grove (Pontevedra), 6 de setembro de 2017.- A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, impulsará a presenza dos xestores náuticos nas feiras de Southampton (Reino Unido), La Rochelle (Francia) e París. Así o ratificou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, nun encontro cos responsables da xestión das infraestruturas náuticas nos peiraos de titularidade da Xunta de Galicia.

 

A reunión de coordinación tivo lugar nas instalacións do porto deportivo de Pedras Negras, un dos participantes en todos os eventos promocionais impulsados por Portos de Galicia para a difusión da oferta náutica autonómica. Nela estiveron presentes unha vintena de xestores de portos deportivos, clubs náuticos e marinas das tres provincias costeiras.

 

No encontro, o titular de Portos de Galicia e os responsables das operadoras náuticas deseñaron a estratexia que seguirán de xeito coordinado para as tres feiras internacionais que terán lugar durante o mes de setembro, no caso de Southampton e La Rochelle, e nos mes de decembro, no caso de París. O obxectivo nos tres casos será “incrementar a captación de clientes náuticos e actividade económica para os nosos portos”, en palabras de Durán Hermida.

 

Así mesmo, o presidente de Portos de Galicia destacou os bos resultados que estas accións de promoción están a ter nas cifras de chegada de embarcacións náuticas a Galicia. Non en van, entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo chegaron a Galicia máis de 5.300 barcos en tránsitos, un 20 % máis que no mesmo período do ano anterior.

 

O presidente de Portos de Galicia explicou que a captación de novos turistas náuticos para os peiraos autonómicos e sobre todo a fidelización de usuarios, vinculada á desestacionalización do sector, é unha liña estratéxica de traballo para o organismo polo que o ente público manterá a súa presenza directa e a través de novo material promocional nos eventos promocionais nacionais e europeos e impulsará a participación dos xestores que así o decidan, tanto no que resta de ano como de cara ao 2018.