Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA INSTALARÁ UN RADAR NO PORTO DE MALPICA PARA ANALIZAR OS EFECTOS DAS ONDAS LONGAS QUE XERAN OS TEMPORAIS

  • O ente público mantivo varias reunións coa confraría de pescadores para analizar posibles solucións aos efectos das correntes na dársena interior
  • Susana Lenguas lembra que se trata dun asunto complexo porque as ondas longas que se producen co mal tempo non se tiveron en conta no deseño do abrigo dos portos ata hai poucos anos
  • A Xunta está a estudar a orixe do problema e as medidas máis axeitadas a adoptar para mitigar os riscos derivados destas correntes

 

Santiago, 30 de setembro de 2019.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, explicou hoxe no Parlamento que o seu departamento vai instalar un radar no porto de Malpica que permita a medición real dos niveis de sobreelevación das ondas longas liberadas polos temporais e axude a valorar a axitación real do peirao para identificar os períodos nos que as ondas resultan resoantes e a súa amplitude. Este dispositivo contribuirá a buscar a mellor solución para mitigar os riscos derivados destas correntes que se rexistran na dársena interior malpicá.

A representante do ente explicou que as ondas longas son sobreelevacións que non se perciben a simple vista e que van asociadas ao tren de ondada que si percibimos, polo que é preciso identificar o período e amplitude concretas que producen a resonancia na dársena para poder acometer as mellores solucións. Este novo dispositivo e os estudos que están a facer os técnicos de Portos de Galicia, explicou Susana Lenguas, servirán para definir o proxecto definitivo co que facer fronte aos riscos asociados á resonancia das ondas longas liberadas polos temporais no porto de Malpica.

A presidenta do ente público remarcou ademais que se trata dun asunto complexo porque, entre outras cousas, as ondas longas considéranse no deseño do abrigo dos portos desde hai poucos anos e a dársena interior de Malpica data do ano 1952. Por iso, os técnicos de Portos de Galicia visitaron o porto malpicán en días de temporal para observar o comportamento da comporta e a contorna da dársena así como a toma de datos, tralo que o Executivo galego xa ten en marcha varias actuacións na busca dunha solución.

Susana Lenguas lembrou tamén que, tralo accidente rexistrado neste peirao a finais de 2018, Portos de Galicia mantivo reunións coa confraría de pescadores local, coa familia do falecido e analizou os estudos e proxectos existentes en relación co abrigo do porto co obxectivo de aprobar as medidas máis adecuadas para evitar novos incidentes no futuro. Na actualidade estase a realizar un estudo preliminar sobre a orixe do problema, esas ondas longas, un traballo do que tamén foi informada a confraría de pescadores de Malpica. 

A maiores da instalación do radar, a través de Meteogalicia inclúese no proxecto MarRisk un estudo para a análise das ondas longas do porto malpicán co obxectivo de diagnosticar a probabilidade de que se produzan e provoquen resonancia na dársena interior cunha antelación de 72 horas. Todas estas accións, incidiu Susana Lenguas, permitirán coñecer as necesidades que marcarán as pautas da licitación do estudo de alternativas e o posterior proxecto para dar unha solución definitiva ao peirao de Malpica.

Estas accións servirán para clarexar os pasos a dar nas actuacións de mellora da seguridade do peirao dado que os profesionais de Portos de Galicia barallan distintas intervencións que poden ser complementarias e serán as que se analicen no estudo das posibilidades de cara a incluílas no proxecto definitivo.