Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA ACLARA QUE A REORDENACIÓN DOS ATRAQUES E PARCELAS DO PEIRAO DE PORTOSÍN OBEDECE A UNHA PETICIÓN DA PROPIA CONFRARÍA DE PESCADORES.

  • Portos de Galicia consensuou coa entidade as medidas a adoptar para que cada armador teña autorizado e reservado un espazo no que poder colocar os seus pertreitos
  • Este tipo de ocupacións dun espazo público supoñen a prestación dun servizo e as tarifas correspondentes están reguladas na lei de taxas de Galicia, que é de aplicación en todos os portos autonómicos
  • A taxa das parcelas máis pequenas, de 36 metros cadrados, rolda os 22 euros ao mes mentres que a das máis grandes, de máis de 90 metros cadrados, queda por debaixo dos 60 euros mensuais
  • A Xunta lamenta que a algúns grupos políticos queiran obter réditos polo cobro dunha taxa ao sector e o vencellen cun afán de desquite ou vinganza, algo que considera un completo despropósito

 

Santiago, 27 de setembro de 2019.- Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar está a realizar a ordenación dos atraques e parcelas do peirao de Portosín, en Porto do Son, para mellorar a xestión dos pertreitos da frota atendendo a unha solicitude realizada pola confraría de pescadores local. Trátase dunha ordenación consensuada e consiste no pintado das parcelas para que cada armador teña autorizado e reservado un espazo no que poder colocar os seus pertreitos.

Este tipo de ocupacións dun espazo público supoñen a prestación dun servizo e as tarifas correspondentes están reguladas na lei de taxas de Galicia. Por iso, unha vez rematada a ordenación no peirao de Portosín, o servizo estará suxeito a unhas tarifas do mesmo xeito que ocorre no resto de portos autonómicos. A tarifa aplicada neste caso é de 7,75 euros por metro cadrado ao ano e é como a que xa aboan os usuarios doutros peiraos como o de Porto do Son.

Esta medida é a resposta á petición da confraría de pescadores, á que se informou de todos os detalles da ordenación das parcelas e das súas implicacións nunha reunión mantida hai uns meses. De todos os xeitos, Portos de Galicia volverá manter contactos cos representantes do sector para analizar a situación.

A Xunta de Galicia lamenta ademais que algúns grupos políticos queiran facer un uso partidario deste asunto e que fale abertamente de que o cobro por parte de Portos de Galicia da correspondente taxa ao sector -algo que establece a normativa vixente- responde a un afán de desquite ou vinganza por feitos pasados. O Executivo galego considera esta acusación un completo despropósito e lembra que as decisións que adopta son igualitarias e buscan sempre o ben común dos galegos. Por iso, entende que as manifestacións realizadas por estes grupos políticos son unha mostra do que poden ser capaces de chegar a facer de estar á fronte do Goberno autonómico.