Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

GALICIA INTERCAMBIA EXPERIENCIAS CON ANDALUCÍA SOBRE A XESTIÓN DAS INFRAESTRUTURAS PORTUARIAS DE TITULARIDADE AUTONÓMICA

  • Presidente de Portos de Galicia acompañou a representantes da Axencia Pública de Portos de Andalucía na súa visita ao peirao de Portosín 

Porto do Son (A Coruña), 5 de abril de 2019.- O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durám, acompañou hoxe a unha delegación da Axencia Pública de Portos de Andalucía na súa visita ao porto de Portosín, no concello coruñés de Porto do Son, onde puido coñecer as infraestruturas coas que conta este peirao e os servizos que ofrece aos seus usuarios. A presenza dos representantes do ente público andaluz en Galicia enmárcase nunha misión para afondar no coñecemento da actividade portuaria e náutica que se desenvolve na comunidade e no seu sistema de xestión. 

A visita ao Real Club Náutico de Portosín é unha das paradas dos representantes do ente público dependente do Goberno andaluz na súa viaxe pola costa galega que lles permite coñecer a realidade do sistema portuario galego de titularidade autonómica así como o intercambio de experiencias en materia de xestión dos peiraos, sumar sinerxías neste eido e debater sobre intereses comúns relativos ao sistema portuario.

O presidente de Portos, estivo acompañado da Conselleira do Mar, quen salientou que este tipo de encontros contribúen a aportar ideas para a mellora das instalacións portuarias de titularidade autonómica, actuacións que permiten que estas infraestruturas actúen como motor de xeración de emprego e riqueza tanto no eido da carga e descarga de mercadorías como na actividade náutico-recreativa.

Precisamente, os portos galegos dependentes da comunidade moveron en 2018 máis de 1.700.000 toneladas de mercadorías, un 3,5% máis que un ano antes, e superaron por primeira vez os 10.000 barcos recreativos en tránsito, un 5% máis que no exercicio anterior.

A titular de Mar tamén destacou a importancia desta escala da comitiva andaluza no Real Club Náutico de Portosín pois trátase do único club de Galicia que contou de xeito ininterrompido desde a súa creación en 1991 coa Bandeira Azul que recoñece a calidade dos seus servizos portuarios. A este recoñecemento súmase a Q de calidade turística.

A visita dos responsables da Axencia Pública de Portos de Andalucía a Portosín enmárcase nunha estadía de dous días na comunidade -onte e hoxe- na que aproveitaron para coñecer outros portos deportivos como o Real Club Náutico de Sanxenxo ou o Monte Real Club de Yates de Baiona e instalacións pesqueiras como a lonxa de Portonovo, o porto da Pobra do Caramiñal, líder europeo en túnidos conxelados, ou o peirao de Cabo de Cruz, en Boiro.