Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

A AMPLIACIÓN DOS PRAZOS CONCESIONAIS A 50 ANOS REFORZA A SEGURIDADE DE CLUBS NÁUTICOS E EMPRESAS PORTUARIAS

  • Dende a entrada en vigor da Lei de Portos de Galicia o pasado verán, arredor dunha trintena de entidades téñense acollido a esta nova posibilidade legal
  • Destacan o aval que supón para a realización de fortes investimentos nos peiraos autonómicos 

Santiago, 20 de febreiro de 2019.-  A posibilidade contemplada na Lei de Portos de Galicia de ampliación dos prazos concesionais de 35 a 50 anos está a recibir unha moi boa acollida por parte dos axentes portuarios que entenden esta medida como un reforzo á seguridade de clubs náuticos e empresas portuarias. Así o manifestou esta mañá o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha rolda de prensa celebrada na sede do organismo portuario en Santiago para avaliar a resposta empresarial a este cambio normativo, un dos de maior envergadura dos contemplados no texto legal. 

Durán Hermida explicou que dende a entrada en vigor da nova normativa, a primeira lei portuaria con carácter autonómico, o pasado mes de xuño, arredor dunha trintena de entidades, tanto clubs náuticos como empresas operadoras de servizos portuarios, téñense acollido a esta posibilidade, argumentando precisamente esta maior garantía xurídica para a súa actividade. “Do mesmo modo, estannos a trasladar que esta ampliación dos prazos concesionais é entendida polo sector como un aval para a realización de fortes investimentos nos peiraos de titularidade autonómica que xestiona Portos de Galicia”, explicou o responsable do ente público. 

Polo que respecta ao sector náutico, un total de 15 clubs e marinas teñen tramitado esta ampliación. Estes son o Real Club Náutico Ribadeo, Marina Viveiro, Club Náutico Ría de Ares, Club Náutico Sada, Puerto deportivo de Sada, Real Club Náutico Portosín, Club Náutico Isla de La Toja, Club Náutico Portonovo, Real Club Náutico de Sanxenxo, Nauta Sanxenxo, Combarromar, Club Naval Pontevedra e Puerto Deportivo Baiona. Neste sentido, José Juan Durán remarcou que con esta medida contribúese ao respaldo á actividade náutica que desenvolven en Galicia os axentes privados e que está a repercutir de xeito moi reseñado na actividade económica dos peiraos deportivos e das súas contornas. “Non en van, este ano temos superado por primeira vez o teito dos 10.000 barcos en tránsito nos peiraos autonómicos”, lembrou, e engadiu que “esta cifra é máis do dobre dos tránsitos que recibiamos hai unha década e que cifrabamos nuns 4.000”.

Novidade a nivel estatal
Durante a rolda de prensa, Durán Hermida destacou o feito de que “esta ampliación de prazo concesional ata os 50 anos é unha medida novidosa a nivel estatal, xa que non se recolle na normativa portuaria da maioría das autonomías”. “Precisamente este é un dos factores que sitúan a Galicia na vangarda do desenvolvemento da náutica recreativa, como nos trasladan con frecuencia en eventos e citas sectoriais de carácter internacional”, subliñou. 

Así mesmo, o presidente de Portos fixo fincapé na repercusión empresarial desta medida que, dixo, “incide de xeito directo na creación de emprego e na implementación da actividade económica no litoral portuario” ao outorgar maior estabilidade xurídica ao asentamento empresarial nos peiraos.