Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

PORTOS DE GALICIA PRESENTA A GALICIA EN FITUR COMO ESCALA ESTRATÉXICA DA NAVEGACIÓN POLO ATLÁNTICO

  • O ente público fixa como obxectivo fidelizar a estadía no sistema portuario autonómico tanto de navegantes europeos como de grandes eventos náuticos
  • O organismo está a elaborar un ‘Manual de boas prácticas para a navegación’ que presentará ao longo deste ano nas principais citas sectoriais

Santiago, 24 de xaneiro de 2019.- Galicia, escala estratéxica da navegación polo Atlántico. Baixo este título, o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, presentou a súa intervención promocional hoxe en Fitur 2019 na que fixou como obxectivo fidelizar a estadía no sistema portuario autonómico, tanto de navegantes europeos como de grandes eventos náuticos.

Durán Hermida insistiu na necesidade de focalizar a estratexia promocional de Portos de Galicia cara á fidelización dos clientes internacionais dos portos deportivos galegos logo do traballo de apertura de novos mercados no norte de Europa que o ente público ven realizando nos últimos anos. Así mesmo, lembrou a importancia de atraer a Galicia de xeito regular non só a chegada de clientes náuticos particulares senón tamén a celebración de grandes eventos do sector, como está previsto que ocorra nos anos 2020 e 2021, aproveitando o pulo turístico do Xacobeo 21.

Con este obxectivo o presidente de Portos presentou no stand da Xunta na feira de Turismo de Madrid o calendario promocional do ente público para este ano, que incluirá a participación de novo, conxuntamente con Turismo de Galicia, nos principais eventos sectoriais de Reino Unido, Irlanda, Francia, Alemaña e Portugal, así como a presencia do organismo portuario por primeira vez no salón náutico de Amsterdam (Holanda). Durante a súa intervención en Fitur, Durán anunciou que nestes eventos, Portos de Galicia subliñará a súa aposta pola calidade na prestación de servizos e instalacións, que vén de ser reforzada coa proposta dun Manual de boas prácticas para a navegación, que se presentará ao longo do ano.

Ademais, o presidente de Portos lembrou que a actividade promocional da náutica durante este ano estará enmarcada nos proxectos europeos dos que Galicia forma parte e nomeadamente o Ecodestin e o Capiten. Neste marco destacou a importancia de dar continuidade a accións xa iniciadas durante o ano pasado e avanzar en iniciativas innovadoras como a realidade aumentada para facilitar o acceso aos portos. Finalmente, Durán Hermida lembrou que Portos de Galicia continuará a traballar de xeito coordinado cos operadores náuticos galegos consensuando con eles, como se ten feito ata o momento, a estratexia de promoción da náutica recreativa na nosa comunidade.