Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

A CHEGADA DE EMBARCACIÓNS EN TRÁNSITO MEDROU UN 18% INTERANUAL NA FRANXA DAS RÍAS BAIXAS

  • Os portos deportivos autonómicos situados entre Muros e Tui recibiron un total de 7.400 barcos ao longo deste exercicio
  • A dársena muradá foi a máis transitada de Galicia con 1.277 barcos, seguida de combarro, con 937
  • Galicia rebasa por primeira vez o teito dos 10.000 tránsitos no ano, o que proba a tendencia á alza desta actividade

Pontevedra, 26 de decembro de 2018.-  Os portos de titularidade autonómica das Rías Baixas –franxa costeira entre Muros e Tui- recibiron 7.400 barcos en tránsito durante este ano, segundo datos facilitados polos propios xestores das instalacións náutico recreativas. Estas cifras reflicten unha suba interanual nesta actividade do 18% nas Rías Baixas. Así o sinalou esta mañá José Juan Durán, presidente de Portos de Galicia, nunha rolda de prensa nas oficinas portuarias de Pontevedra. 

Así mesmo informou de que o porto de Muros foi o máis transitado de Galicia, con 1.277 barcos, seguido do porto deportivo de Combarro, con 937. Por municipios, Sanxenxo foi o concello con máis chegadas, 1.134 nos peiraos de Portonovo e de Sanxenxo, seguido de Baiona. 

Durante a rolda de prensa en Pontevedra, Durán Hermida presentou tamén o balance de tránsitos na provincia de Pontevedra, onde esta actividade experimentou unha forte suba que acadou o 50%, situándose en 4.538 os barcos recibidos no conxunto da provincia. Polo que respecta á ría de Pontevedra, rexistráronse 2.500 barcos, un 13% máis que en 2017.

Deste xeito, a provincia de Pontevedra confirma a consolidación desta actividade portuaria no conxunto da comunidade, que experimentara xa nos pasados anos un importante ascenso e que está a manter os bos resultados. Neste sentido, o conxunto dos peiraos autonómicos de Galicia recibiron en 2018 preto de 10.150 barcos, o que supón unha suba interanual global do 5%. 

Ademais, o presidente de Portos de Galicia subliñou que, por primeira vez, Galicia rebasa a barreira dos 10.000 tránsitos nun ano, o que proba a tendencia á alza desta actividade. Así mesmo insistiu en que para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica. Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional, como a recente presenza nos salóns náuticos de Southampton (Reino Unido),  La Rochelle (Francia), París ou a participación prevista no vindeiro mes de xaneiro en Fitur.