Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

O CUSTE DOS DANOS OCASIONADOS POLO TEMPORAL NA COSTA DA MORTE ESTÍMASE PROVISIONALMENTE EN MÁIS DE 40.000 EUROS

O presidente de Portos de Galicia visitou o porto de Malpica para facer balance dos danos producidos polo temporal de hai unhas semanas

  • José Juan Durán solicitou unha comparecencia no Parlamento para informar do conxunto dos danos que deixou o temporal Evi nas instalacións portuarias e para dar traslado dos prazos aproximados dos traballos de reparación

Malpica (A Coruña), 30 de xaneiro de 2018.- Portos de Galicia está a realizar unha primeira valoración provisional dos danos ocasionados polo temporal Evi na Costa da Morte. Así o comunicou esta maña o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita ao porto de Malpica, unha das zonas afectadas polo forte mar de fondo que se produciu hai unhas semanas.

Durán Hermida avanzou que se estima que o custe dos danos producidos nos peiraos da Costa da Morte será de arredor de 40.000 euros. Así mesmo indicou que a afectación nesta ocasión semella ser de menor importancia que os danos causados polos temporais noutras ocasións.

Os principais danos detectados polo momento en Malpica atinxen á comporta, ao pavimento, a algunhas varandas de seguridade e á pedra de coroación do cantil. Así mesmo, José Juan Durán avanzou que os traballos de reparación comezarán en próximas datas. O presidente de Portos tamén explicou que están pendentes de avaliar os danos producidos na escolleira, que se desprazou polo impacto das ondas.

Outros danos en portos da Costa da Morte
Durán Hermida tamén fixo balance dos danos producidos noutros portos da Costa da Morte. Así, trasladou que no porto de Arou, en Camariñas, o temporal afectou ao muro de contención e fixo un buraco no vial. No caso do de Corme, o presidente de Portos explicou que se produciron diversos danos nos pantaláns e adiantou que xa se puxo en marcha a contratación para reparalos. Ademais, sinalou que no porto de Caión, na Laracha, e no de Suevos, en Arteixo, houbo incidencias de escasa entidade.

O presidente de Portos aproveitou a visita para avanzar que solicitou unha comparecencia no Parlamento de Galicia para informar do conxunto dos danos que deixou o temporal Evi nas instalacións portuarias e para dar traslado dos prazos aproximados dos traballos de reparación.