Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Volver a la página índice
Atrás

CREADAS 125 NOVAS PRAZAS DE AMARRE PARA O SECTOR PESQUEIRO NO PORTO DE CABO DE CRUZ

  • Portos de Galicia investiu máis de 700.000 euros nesta infraestrutura que mellorará as condicións de traballo do sector profesional 
  • Nos vindeiros meses licitaranse as obras de construción de pantaláns para as embarcacións mexilloeiras, para os que Portos de Galicia ten consignada unha anualidade de 1,7 millóns de euros nos seus orzamentos para 2018

Boiro (A Coruña), 29 de novembro de 2017.- Portos de Galicia  vén de rematar as obras de construción dos pantaláns para embarcacións pesqueiras no peirao de Cabo de Cruz, no municipio coruñés de Boiro. A través destas obras creáronse prazas de amarre para 125 embarcacións de esloras ata 10 metros. Así o destacou esta mañá a titular da Consellería do Mar, Rosa Quintana, nunha visita ao municipio.

A conselleira do Mar lembrou que os traballos contaron cun investimento de 700.000 euros que permiten mellorar as condicións de traballo do sector profesional pesqueiro. Ademais indicou que Portos de Galicia vén de adxudicar xa as prazas a todos os solicitantes e ten aberta agora unha convocatoria para outorgar as prazas sobrantes a embarcacións auxiliares de 4ª lista.

Coas obras que veñen de rematar, a Xunta de Galicia afonda no compromiso de dar resposta ás necesidades do sector profesional de Cabo de Cruz, que se iniciou coa dotación de abrigo a través da creación dunha nova dársena na que se invertiron 12 millóns de euros. 
Seguirase avanzando neste compromiso coa licitación nos vindeiros meses das obras de construción de pantaláns para 4ª lista (embarcacións mexilloeiras), para os que Portos de Galicia ten consignada unha anualidade de 1,7 millóns de euros nos seus orzamentos para 2018.

Neste caso, proxéctanse 139 prazas de amarre para esloras comprendidas entre os 12 e 22 metros. Así mesmo proxéctase a instalación dun dique flotante de 5 metros de anchura que se situará na parte máis exposta da dársena. Este proxecto técnico está xa rematado e sairá a licitación nos vindeiros meses cun orzamento de preto de 7 millóns de euros.