Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA REMATA A INSTALACIÓN DOS MEDIDORES DE ONDADA E DE CORRENTES NO INTERIOR DO PEIRAO DE MALPICA

  • Os tres sensores de presión e un dispositivo especial de medición están distribuídos en distintos puntos do peirao e xa están a recoller datos de ondada e das correntes dentro da dársena 
  • O ente dependente da Consellería do Mar avanza na toma de datos no peirao trala instalación dun radar en decembro  

Porto de MalpicaSantiago, 5 de febreiro de 2020.- A empresa adxudicataria do contrato licitado por Portos de Galicia para a realización durante dous meses de traballos de medida das ondadas e correntes no peirao de Malpica xa instalou os tres sensores de presión e o equipo especial de medición para a recollida de datos. O obxectivo desta acción é coñecer mellor o comportamento do porto e axudar a buscar a mellor solución para mitigar os riscos derivados das correntes que se rexistran na dársena interior malpicá.

Un dos sensores de presión está instalado na parte interior do martelo do dique, outro na parte do porto próxima á lonxa e o terceiro no peirao da dársena interior, preto dos pantaláns, mentres que o equipo especial de medición está colocado na entrada á bocana da dársena interior. Estes dispositivos xa están a pleno rendemento e compilando datos que a empresa adxudicataria se encargará de procesar e analizar para incluílos nun informe técnico detallado sobre os traballos feitos ao longo deses dous meses de seguimento.

As actuacións previstas neste contrato veñen a complementar o resto de labores de estudo do comportamento da dársena de Malpica. Con ese obxectivo instalouse en decembro un radar no peirao para facer medicións reais dos niveis de sobreelevación das ondas longas liberadas polos temporais e axudar a valorar a axitación real do porto para identificar os períodos nos que as ondas resultan resoantes e a súa amplitude.

As ondas longas son sobreelevacións que non se perciben a simple vista e que van asociadas ao tren de ondada que si percibimos, polo que é preciso identificar o período e amplitude concretos que producen a resonancia na dársena para acometer as mellores solucións. Todos estes estudos e recollida de datos que están a facer os técnicos do ente dependente da Consellería do Mar desde comezos do ano pasado servirán para definir o proxecto definitivo co que facer fronte aos riscos asociados á resonancia das ondas longas liberadas polos temporais no peirao de Malpica. 

A definición dese proxecto definitivo é complexa pois as ondas longas considéranse no deseño do abrigo dos portos desde hai poucos anos e a dársena interior malpicá data do ano 1952. Por iso, os técnicos de Portos de Galicia visitaron o peirao en distintos días de temporal para observar o comportamento da comporta e a contorna da dársena e tomar todo tipo de datos.

Tralo accidente rexistrado neste peirao a finais de 2018, Portos de Galicia mantivo varias reunións coa confraría de pescadores local e coa familia do falecido e analizou os estudos e proxectos existentes en relación co abrigo do porto co obxectivo de aprobar as medidas máis adecuadas para evitar novos incidentes no futuro.  

A maiores destes traballos de estudo das correntes e ondadas no porto de Malpica, no proxecto MarRisk, a través de Meteogalicia, inclúese un estudo para a análise das ondas longas do porto malpicán co obxectivo de diagnosticar a probabilidade de que se produzan e provoquen resonancia na dársena interior cunha antelación de 72 horas. 

Todas estas accións permitirán coñecer as necesidades que marcarán as pautas da licitación do estudo de alternativas e o posterior proxecto para dar unha solución definitiva ao peirao de Malpica. Os profesionais de Portos de Galicia barallan distintas intervencións que poden ser complementarias e serán as que se analicen no estudo das posibilidades de cara a incluílas no proxecto definitivo.