Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA LEMBRA QUE AS ANÁLISES REALIZADAS AOS ÁRIDOS QUE SE VAN EXTRAER NA DRAGAXE DO LÉREZ AVALAN QUE SON INOCUOS

  • O Executivo galego salienta que o proxecto responde a unha petición do sector pesqueiro e que o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica recoñeceu que os materiais que se prevén extraer non son lodos
  • O punto de depósito dos áridos non conta cunha alternativa ao sur e a existente máis ao norte faría inviable a execución do proxecto
  • O Goberno autonómico recorda que o tratamento dos áridos nunha planta en terra multiplicaría de xeito inxustificado o seu custo por dez e obrigaría a transportar os áridos en máis de 11.000 camións polo centro de Pontevedra

 

Santiago, 30 de setembro de 2019.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, lembrou hoxe no Parlamento que as análises realizadas aos áridos que se van extraer na dragaxe do río Lérez son inocuos, non posúen carga contaminante, polo que esta actuación non ten ningún tipo de impacto desde o punto de vista medioambiental. A máxima responsable do ente público subliñou na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos que todo o proceso administrativo para executar este proxecto cumpre estritamente coas normativas vixentes, tanto nacionais como internacionais, polo que conta con todas as garantías.

A Xunta recorda que a decisión de dragar a ría de Pontevedra ten que ver cunha petición do propio sector pesqueiro e marisqueiro, que precisa que se acometa esta actuación para poder desenvolver o seu labor con normalidade. Os traballos, salienta o Executivo galego, suporán a retirada de áridos -non lodos- tal e como recoñece o propio Ministerio para a Transición Ecolóxica nunha resposta parlamentaria dada a un grupo da oposición.

Neste sentido, cabe lembrar que é o Goberno central o que determina os puntos nos que se poden depositar os áridos e as condicións nas que debe facerse. No caso do Lérez, estase a avaliar un punto habilitado desde o ano 1998, que está fóra do Parque Nacional das Illas Atlánticas e que non conta con actividade pesqueira na súa contorna. Trátase ademais, salientou Susana Lenguas, dun punto de depósito que non conta con alternativa cara ao sur, mentres que ao norte o máis próximo está nas inmediacións de Laxe, o que faría inviable a execución do proxecto.

Por outra banda, a Xunta lembra que recorrer a unha planta de tratamento en terra para enviar os áridos da dragaxe do Lérez, como propón algún grupo da oposición, suporía multiplicar de xeito inxustificado por case dez -de catro millóns de euros a máis de 30- o custo dunha dragaxe que cumpre escrupulosamente con todas as normativas medioambientais. Esa alternativa requiriría ademais o transporte dos materiais en máis de 11.000 camións polo centro de Pontevedra, cos consecuentes trastornos que iso ocasionaría aos veciños da cidade.