Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA INICIA OS TRABALLOS PREPARATORIOS PARA A EXECUCIÓN DA DRAGAXE DO PORTO DE LAXE.

  • A presidenta do ente público visitou o peirao para comprobar os labores preliminares desta obra e o estado das infraestruturas portuarias
  • A actuación para mellorar a operatividade e a seguridade na dársena conta cun orzamento de máis de 3,6 millóns de euros

 

Laxe (A Coruña), 5 de decembro de 2019.- A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou hoxe o porto de Laxe para comprobar o desenvolvemento dos traballos preliminares e preparatorios para a execución da dragaxe do peirao. A máxima responsable do ente dependente da Consellería do Mar estivo acompañada polo alcalde e polo patrón maior de Laxe, cos que comprobou o estado destes primeiros labores e das infraestruturas portuarias no seu conxunto.

O proxecto de dragaxe do porto de Laxe, que conta cos preceptivos informes técnicos e ambientais, ten como obxectivo dar resposta ás demandas dos profesionais desta localidade e mellorar a operatividade e a seguridade do peirao. A obra, que conta cun orzamento de máis de 3,6 millóns de euros, supón dragar 57.300 metros cúbicos de material rochoso e areoso da dársena para contrarrestar os riscos que teñen para a seguridade das embarcacións os efectos asociados ás ondas longas na dársena.

A dragaxe, froito de varios estudos relacionados coas dinámicas e axitación provocadas polas ondas no porto, permitirá que haxa un calado suficiente para o fondeo seguro dos barcos en determinadas condicións de fortes variacións do nivel da auga dentro do porto. Os traballos previstos inclúen a dragaxe xeral do porto para acadar os cinco metros de calado en toda a dársena e ampliarase tamén a operatividade do peirao da lonxa ao dotalo dun calado de tres metros.

Para realizar estas actuacións retiraranse tamén os trens de fondeo existentes na zona, así como unha pasarela aérea, que volverán ser instalados ao finalizar cada unha das campañas de dragaxe e cando remate definitivamente a obra.