Saltar al contenido

Publicador de contenidos

Atrás

PORTOS DE GALICIA ADXUDICA UN CONTRATO PARA MEDIR DURANTE DOUS MESES AS ONDADAS E AS CORRENTES NO PEIRAO DE MALPICA

  • Os traballos inclúen a instalación de tres sensores de presión en distintos puntos do porto para recompilar datos de ondada e a obtención de información das correntes mediante un equipo especial de medición 
  • Estas actuacións contan cun orzamento de máis de 18.000 euros e complementan o resto de labores de estudo do comportamento da dársena malpicá para mellorar a súa seguridade
  • O ente dependente da Consellería do Mar avanza na toma de datos no peirao trala instalación dun radar en decembro e que se sumou aos sensores colocados unhas semanas antes para medir as elevacións da lámina de auga  

Santiago, 30 de xaneiro de 2020.- Portos de Galicia vén de adxudicar un contrato para a realización durante dous meses de traballos de medida das ondadas e correntes no peirao de Malpica co obxectivo de coñecer mellor o seu comportamento e axudar a buscar a mellor solución para mitigar os riscos derivados das correntes que se rexistran na dársena interior malpicá.  

O contrato, que conta cun orzamento de máis de 18.000 euros, inclúe actuacións como a toma de datos de ondada mediante tres sensores de presión que se instalarán en distintos puntos do peirao. Un deles colocarase na parte interior do martelo do dique, outro na parte do porto próxima á lonxa e o terceiro no peirao da dársena interior, preto dos pantaláns.

A empresa adxudicataria tamén se encargará de recompilar información sobre as correntes existentes no peirao mediante un equipo especial de medición e todos os datos obtidos serán procesados e analizados para incluílos nun informe técnico detallado sobre os traballos feitos ao longo deses dous meses de seguimento.

Estas actuacións de medida de ondada e correntes veñen a complementar o resto de labores de estudo do comportamento da dársena de Malpica. Con ese obxectivo instalouse en decembro un radar no peirao para facer medicións reais dos niveis de sobreelevación das ondas longas liberadas polos temporais e axudar a valorar a axitación real do porto para identificar os períodos nos que as ondas resultan resoantes e a súa amplitude. Este equipamento súmase aos sensores colocados unhas semanas antes para obter información sobre as elevacións da lámina de auga no interior da dársena principal do peirao.

As ondas longas son sobreelevacións que non se perciben a simple vista e que van asociadas ao tren de ondada que si percibimos, polo que é preciso identificar o período e amplitude concretos que producen a resonancia na dársena para acometer as mellores solucións. Todos estes estudos e recollida de datos que están a facer os técnicos do ente dependente da Consellería do Mar desde comezos do ano pasado servirán para definir o proxecto definitivo co que facer fronte aos riscos asociados á resonancia das ondas longas liberadas polos temporais no peirao de Malpica. 

A definición do proxecto definitivo é complexa pois as ondas longas considéranse no deseño do abrigo dos portos desde hai poucos anos e a dársena interior malpicá data do ano 1952. Por iso, os técnicos de Portos de Galicia visitaron o peirao en distintos días de temporal para observar o comportamento da comporta e a contorna da dársena e tomar todo tipo de datos.

Tralo accidente rexistrado neste peirao a finais de 2018, Portos de Galicia mantivo varias reunións coa confraría de pescadores local e coa familia do falecido e analizou os estudos e proxectos existentes en relación co abrigo do porto co obxectivo de aprobar as medidas máis adecuadas para evitar novos incidentes no futuro.  

A maiores destes traballos de estudo das correntes e ondadas no porto de Malpica, no proxecto MarRisk, a través de Meteogalicia, inclúese un estudo para a análise das ondas longas do porto malpicán co obxectivo de diagnosticar a probabilidade de que se produzan e provoquen resonancia na dársena interior cunha antelación de 72 horas. 

Todas estas accións permitirán coñecer as necesidades que marcarán as pautas da licitación do estudo de alternativas e o posterior proxecto para dar unha solución definitiva ao peirao de Malpica. Os profesionais de Portos de Galicia barallan distintas intervencións que poden ser complementarias e serán as que se analicen no estudo das posibilidades de cara a incluílas no proxecto definitivo.